Este obradoiro pretende, dun xeito didáctico, ameno e experimental, achegar aos rapaces e ás rapazas ao mundo simbólico das sociedades humanas do Paleolítico Superior e do Neolítico. Os obradoiros comezarán cunha breve explicación a sobre contexto cronolóxico e cultural. Falaremos de cales foron as principais expresións artístico/relixiosas e simbólicas desta época da nosa prehistoria para que, con estes coñecementos previos, poidan experimentar por eles mesmos a realización de pinturas rupestres con pigmentos naturais, a fabricación de amuletos, ídolos e adobíos corporais con elementos da natureza, a creación do lume e dos elementos de iluminación así como a fabricación de determinados instrumentos musicais relacionados co mundo das crenzas.

Contidos

• Fabricación dunha zoadeira
• Elaboración de amuletos, xoias e ídolos
• Produción de lume
• Elaboración de lámpadas de tuétano
• Fabricación de pigmentos

Obxectivos

• Introducir aos/ás participantes á interpretación dos símbolos prehistóricos.
• Fixar coñecementos arredor da cronoloxía prehistórica.
• Desenvolver as capacidades artísticas.
• Espertar a imaxinación e a creatividade.

Datos de interese

Duración: 1 hora e media
Dificultade: Baixa
Prezo: 50€ por grupo
Grupos: máximo 15 persoas
Idade mínima: 5 anos

Importante

Non se realizan obradoiros por separado, xa que deben estar contextualizados coa visita guiada.