O Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras é un proxecto innovador e pioneiro executado e xestionado pola Comunidade de Montes de Salcedo que pretende ser un referente dos proxectos de posta en valor do patrimonio nacidos, realizados e xestionados pola comunidade civil. O parque está concibido como un espazo didáctico onde achegarse en plena natureza ao coñecemento da cultura, do patrimonio e da historia de Galicia, con especial foco nos usos, funcións e ocupacións do monte dende o pasado.

Este parque ofrece ao visitante a posibilidade de coñecer cales foron os usos, ocupacións, funcións e aproveitamentos do monte dende a prehistoria ata a actualidade. Unha oferta cultural interdisciplinar co obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento da prehistoria galega, da cultura tradicional, do patrimonio cultural e do medioambiente, fomentando a súa conservación e promoción.

No Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras o visitante poderá contemplar seis estacións de gravados rupestres onde poder descubrir algúns dos motivos máis significativos da arte rupestre galega. Ademais dos valiosos petróglifos, na contorna do parque atopamos tamén diversas mostras do megalitismo galego que, en forma de mámoas, configuran a gran necrópole tumular da cordal dos montes do Morrazo.

O Parque conta tamén cun importante patrimonio etnográfico conformado por fontes, levadas de auga, pozos de regadío, pontes, muíños, canteiras… Elementos, todos eles, que son un importante recurso didáctico para explicar e entender a historia dos usos e funcións do noso monte.

No parque, e ao longo do trazado dos diferentes sendeiros, existen diferentes fontes de auga potable (Fonte da Prata, Fonte das Frairas, Fonte Nova), varias áreas de descanso e un merendeiro situado na Fonte Nova. Tamén conta cunha grande explanada acondicionada para aparcar os coches e así poder percorrer o parque a pé.