O poboado prehistórico é o elemento máis salientable do Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras. Esta aldea, froito dun proxecto de arqueoloxía experimental, recrea do xeito máis fiable posible un modelo de asentamento Calcolítico/Idade do Bronce propio de sociedades prehistóricas sedentarias. O poboado está delimitado por unha cerca de madeira cuxo deseño orgánico se adapta á orografía do terreo e está integrado por varias cabanas, estruturas de almacenamento e cercados para os animais. Todo isto construído cos mesmos materiais usados no pasado. Esta recreación achega o visitante á vida cotiá durante o período de transo do Neolítico á Idade dos Metais. Trátase de amosar aqueles aspectos que a investigación arqueolóxica e antropolóxica vai descubrindo, de xeito que nos permite retrotraernos ao pasado e coñecer, de maneira directa, aspectos como a organización funcional do poboado, o sistema construtivo e a forma das cabanas ou as especies que cultivaban e os animais que criaban.