Os obradoiros buscan que os participantes poidan experimentar de forma directa algúns dos aspectos das sociedades prehistóricas máis relacionados coa satisfacción das necesidades básicas da vida (abrigo, lume, alimentos, ferramentas) e tamén con aqueles fenómenos culturais característicos do nacemento das primeiras sociedades humanas (arte, relixión, música, agricultura, cerámica, domesticación…).
Os obradoiros están deseñados para cubrir diferentes áreas do coñecemento, con especial atención aquelas que conforman os currículos educativos. Deste xeito temos actividades centradas nas materias de historia, xeografía, coñecemento do medio, música, artes plásticas pero tamén na filosofía e na antropoloxía.
Metodoloxía
A metodoloxía de traballo empregada será dinámica e participativa, facendo as actividades o máis amenas posibles e incidindo, dun xeito pedagóxico e lúdico, no valor educativo dos obradoiros. Sabemos que a aprendizaxe é máis eficiente cando se produce a través do descubrimento e da experimentación propia. Por iso propoñemos un programa pedagóxico que busca combinar a aprendizaxe e a experimentación. Esta metodoloxía porémola en práctica utilizando como ferramenta lingüística o uso do galego, como lingua vehicular da transmisión tradicional da cultura en Galicia e como elemento fundamental do patrimonio inmaterial galego.
Os obradoiros están pensados para unha duración de 1 hora e media. A idade mínima para participares nos obradoiros é de 5 anos e o máximo serán 15 rapaces e rapazas por actividade.
Oferta de obradoiros 2019-2020
Datos de interese
Prezo: 50€ por grupo e obradoiro
Grupos: máximo 15 persoas
Idade mínima: 5 anos
Nota importante
Non se realizan obradoiros por separado, xa que deben estar contextualizados coa visita guiada.